Concello
O Concello organiza unha excursión ao Baixo Miño para persoas maiores de 55 anos, xubiladas e pensionistas
25/09/2024
Co obxectivo de ofrecer á cidadanía propostas que contribúan ao aproveitamento do seu tempo de lecer e favorezan o envellecemento activo, o Concello organiza unha nova excursión ao Baixo Miño que se vai realizar o xoves 17 de outubro e que está dirixida a persoas empadroadas maiores de 55 anos de idade, xubiladas ou pensionistas.
Nesta ocasión os puntos de destino serán os concellos do Rosal e a Guarda, precisamente os municipios cos que A Laracha estreitou relacións institucionais durante os últimos meses con motivo da presentación do libro As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño que se vai realizar este sábado.
O programa da excursión do 17 de outubro comezará ás 7:00 horas coa saída desde a praza Les Sables d´Olonne da Laracha. Contempla visitas guiadas ao Museo do Cabaqueiro e aos Muíños do Folón do Rosal, así como á localidade da Guarda e ao museo e santuario de Santa Tegra dese municipio.
O custe por persoa é de 37 euros, que inclúen o transporte en autobús, as visitas guiadas e o xantar. A preinscrición debe formalizarse entre o luns e o mércores da próxima semana (días 30 de setembro e 1 e 2 de outubro) no Edificio Administrativo da Laracha. Hai cen prazas dispoñibles e terán prioridade na concesión das mesmas aquelas persoas que non participaran nas dúas últimas viaxes destas características organizadas polo Concello. En caso de ser necesario, o sorteo das prazas faríase o 9 de outubro ás 11:00 h no Salón de Plenos do Concello.