• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Conclúe a temporada do equipo de salvamento e socorrismo da praia de Caión tres 3 meses operativo

18/09/2024

O equipo de salvamento, socorrismo, vixilancia e primeiros auxilios da praia de Caión concluíu o pasado domingo o servizo que estivo operativo durante tres meses, desde o 15 de xuño e ata o 15 de setembro. Cada día entre as 12:00 e as 20:00 horas o areal estivo vixiado por oito efectivos -sete socorristas máis o coordinador- como garantía de seguridade para os miles de usuarios que desfrutaron da praia no verán.

Ao longo dos últimos tres meses este equipo de salvamento e socorrismo realizou un intenso labor informativo, de control do cumprimento da normativa establecida na ordenanza municipal reguladora do uso das praias e tamén de prevención mediante a sinalización e balizado diario das zonas prohibidas para o baño por tratarse dos puntos máis perigosos do areal debido ás correntes do mar.

Durante o verán atenderon un total de 124 incidencias aos usuarios da praia, sendo máis da metade delas por picaduras de escarapotes, ademais doutras como cortes, traumatismos, picaduras de insectos ou mordeduras de animais. Na praia tamén se realizaron dous rescates de baixa dificultade, ademais de acudir o equipo de socorrismo a outro rescate na zona do porto que concluíu con éxito.

Na comparativa con respecto ao verán anterior rexistráronse un 35 % menos de incidencias, probablemente debido a que tanto as condicións climatolóxicas como do mar foron sensiblemente diferentes ás do ano pasado, con menos días solleiros e con bandeira verde especialmente nos meses de xullo e agosto, o que implicou unha afluencia de persoas inferior.

O Concello inviste cada ano máis de 68.000 euros con fondos propios municipais no servizo de socorrismo, salvamento, vixilancia e primeiros auxilios da praia de Caión. Nos últimos veráns foi prestado por Top Rescue, empresa que continuará sendo a concesionaria en 2025.