• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O programa municipal de actividades 2024-2025 inclúe 35 propostas para o público infantil, xuvenil e adulto

17/09/2024

A oferta de actividades culturais e deportivas do programa municipal 2024-2025 incluirá un total de 35 propostas, das cales 15 serán para nenos e mozos e 20 para adultos.

O Concello presenta esta ampla oferta que está dirixida a todos os públicos, animando a participar a todas as persoas empadroadas no termo municipal da Laracha co obxectivo de aproveitar o seu tempo de lecer practicando actividades que promoven os estilos de vida saudables, potencian as inquedanzas artísticas e reforzan habilidades útiles para a vida cotiá. Ademais, tamén será unha axuda para favorecer a conciliación da vida persoal e laboral daquelas familias con nenos ao seu cargo.

Como en anteriores edicións, o programa destaca pola súa ampla variedade. As novidades serán os cursos de cerámica que se ofertan ao público infantil e ao adulto e tamén unha nova disciplina que se incorpora para o alumnado de educación primaria como é a ximnasia rítmica.

Os nenos e adolescentes tamén poderán participar en cursos de fotografía dixital, fútbol sala, informática, manualidades e debuxo, pádel, patinaxe, pequecociña, robótica e gaming, teatro, tiro con arco, voleibol, xadrez e zumbea kids.

O público adulto terá tamén á súa disposición actividades de aeróbic, arte floral, bailes latinos, cociña, encaixe de palillos, fotografía dixital, informática, ioga, manualidades e pintura ao óleo, labores de tecido, memoria e alfabetización, macramé, pádel, pilates, restauración e tapizaría, teatro, tiro con arco, zumbea e ximnasia de mantemento, ofertándose esta última nas trece parroquias para favorecer a participación das persoas maiores residentes no rural.

Para facilitar o proceso de inscrición están establecidos dous prazos diferentes. O primeiro é o das actividades infantís e xuvenís, que abre o luns da próxima semana (23 de setembro) ás 9:00 h. A partir do luns 30 de setembro, tamén ás 9:00 h, comezarán as inscricións para o público adulto. En ambos casos poderase facer en liña na web www.alaracha.gal/actividades ou ben presencialmente no Concello, requiríndose neste caso o pagamento mediante tarxeta ou transferencia bancaria (non poderá facerse en efectivo).

Cabe lembrar que para poder apuntarse é requisito imprescindible que a persoa participante estea empadroada no termo municipal. Só no caso de que quedasen prazas dispoñibles ofreceríase a posibilidade de participar aos nenos non empadroados que sexan alumnos dalgún dos colexios do concello da Laracha.

O Concello mantén conxeladas un ano máis as cotas de inscricións. A xeral é de 20 euros por toda a duración da actividade, reducíndose á metade (10 euros) para menores de 18 e maiores de 65 anos. As familias numerosas e aquelas familias nas que todos os membros se atopen en situación de desemprego desfrutarán dun 50 % (non acumulable) de redución na cota.

Debido á alta demanda rexistrada nas actividades durante o curso pasado e a formación de listas de agarda para poder participar nelas, os monitores realizarán un control estrito das faltas de asistencia, sendo o máximo permitido de 4 inxustificadas para as actividades dunha clase semanal e de 8 para aquelas de dúas clases semanais.

O Concello está a realizar unha campaña informativa sobre o programa municipal de actividades 2024-2025 nos centros de ensino.

Descarga: Programa Completo (PDF)