• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello destinará máis de 660.000 euros ao Programa Harmoniza durante os próximos catro anos

11/09/2024

A Xunta de Goberno Local, reunida hoxe en sesión ordinaria, acordou adxudicar tres contratos de servizos, obras e subministracións que suman un importe total de 744.000 euros.

O máis amplo corresponde ao Programa Harmoniza mediante o que o Concello presta ao longo de todo o ano os servizos municipais de apoio á conciliación da vida persoal, laboral e familiar. A nova empresa adxudicataria será A Billarda S.L., que asumirá a xestión durante os próximos catro anos (dous anos prorrogables por outros dous máis) dos servizos Madruga, Vacacións e Canguraxe cun valor económico estimado para as arcas municipais de máis de 661.000 euros.

Durante o curso escolar a través de Madruga permítese levar aos alumnos de 3 a 12 anos de idade ao seu centro de ensino de luns a venres desde as 7:00 horas e ata o inicio das clases para adaptarse ás necesidades dos pais que entran a traballar antes de que comece o horario lectivo. Inclúe a acollida, vixilancia, coidado, organización de actividades e almorzo dos nenos. Nos períodos de Vacacións (verán, Nadal, Semana Santa e Entroido), o servizo amplía o seu horario, prestándose desde as 7:00 e ata as 14:15 horas nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo para todos os usuarios do mesmo. E Canguraxe está dirixido a familias con nenos de entre 4 meses e 12 anos de idade, contemplando un conxunto de tarefas centradas nos coidados básicos e atención a prestar nos domicilios para cubrir necesidades puntuais, non de carácter estable ou estrutural prolongadas no tempo.

Por outra parte, adxudicouse a Lumea Soluciones Eléctricas S.L. a execución do proxecto de remodelación e substitución do alumeado do campo de fútbol municipal A Porta Santa de Paiosaco por ter presentado a oferta máis favorable para o Concello entre as quince licitadoras.

Actualmente as catro torres contan con 24 luminarias de halóxenos metálicos cunha potencia total de 48.000 vatios. A intervención proxectada consiste na substitución deses proxectores por outros de tecnoloxía LED que ofrezan unha solución eficiente posibilitando mellorar a iluminación na zona de xogo cunha redución da potencia eléctrica ata os 16.000 vatios (a terceira parte da actual).

O dobre obxectivo desta actuación é mellorar sensiblemente a iluminación e, ao mesmo tempo, beneficiar ao medio ambiente ao incorporar un sistema máis sostible enerxeticamente que o actual para favorecer a consecución dos obxectivos da Axenda 2030 minorando o consumo eléctrico en aproximadamente un 30 %.

O proxecto está valorado en 57.000 euros e o Concello asumirá o investimento integramente con fondos municipais.

Tamén foi adxudicado na Xunta de Goberno Local o contrato para a subministración dun novo vehículo que se porá a disposición do persoal adscrito ao departamento de Servizos Sociais. Neste caso o prezo supera os 26.000 euros.