Concello
O CONCELLO ORGANIZA UNHA EXCURSIÓN Á SIERRA DE FRANCIA E AO VALLE DEL JERTE PARA A TERCEIRA IDADE
04/03/2017
O Concello da Laracha organiza a excursión á Sierra de Francia (Castela e León) e ao Valle del Jerte (Extremadura) que se vai realizar do 2 ao 7 de abril e na que se convidará a formar parte aos veciños do municipio xubilados e pensionistas maiores de 60 anos de idade.
O programa previsto consiste nunha viaxe en autobús, que partirá desde A Laracha e percorrerá localidades como Salamanca, La Alberca, Ciudad Rodrigo, Mogarraz, Peña de Francia, Las Hurdes, Miranda del Castañar e varios puntos do Valle del Jerte.
No pasado verán, na celebración da última Feira das Cereixas de Paiosaco, contouse coa presenza de representantes da Mancomunidade do Valle del Jerte, coa que o Concello da Laracha asinou un protocolo de colaboración dirixido a estreitar os lazos de amizade e abrir portas de cara á futura organización conxunta de iniciativas relacionadas co citado froito como principal fío condutor. O Concello escolleu este destino precisamente pola existencia dese convenio de colaboración e aproveitando a época na que as cerdeiras florecen creando fermosas paisaxes nos campos extremeños.
As persoas que cumpran os requisitos e desexen realizar a excursión deben inscribirse dirixíndose ao departamento de Servizos Sociais, situado no novo edificio administrativo. Hai cincuenta prazas dispoñibles O prezo por persoa en habitación dobre é de 240 euros, que inclúe cinco noites nun hotel de catro estrelas en réxime de pensión completa (almorzo, comida e cea), guía en todas as visitas, unha sesión de spa e seguro de viaxe. O Concello da Laracha subvencionará integramente o custe do transporte en autobús.