• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A PRIMEIRA EDICIÓN DO CONCURSO A LARACHA DE TAPAS CELEBRARASE DO 10 AO 12 DE MARZO

02/03/2017

O Concello da Laracha organiza a primeira edición do concurso A Laracha de tapas, iniciativa que se desenvolverá os días 10, 11 e 12 de marzo cos obxectivos de promocionar a restauración e os produtos locais e potenciar o turismo no municipio.

Despois das reunións mantidas entre o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Promoción Económica, Rocío López, cos responsables do sector nas que se consensuou o contido do evento e se animou a formar parte da iniciativa a todos os locais de hostalería da capital municipal da Laracha, finalmente serán dez os participantes: Cafetería-Chocolatería Amaulou, Café-Bar Sara, Restaurante-Cafetería Da Mattó, Café-Bar Guadalupe, Bar Manhattan Skyline, O Noso Café, Restaurante Chousa Bella, Café-Bar Mariño, Café Bar Os Catro Camiños e Hotel-Restaurante ABC.

Tal e como estipulan as bases do certame, cada establecemento presentará unha única tapa orixinal, deseñada especificamente para o concurso, que deberá ter a disposición do público ao prezo de 1 euro (consumición aparte) nos seguintes horarios:

  • Venres 10: de 19:00 a 22:00 horas.
  • Sábado 11: de 11:30 a 15:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas.
  • Domingo 12: de 11:30 a 15:00 horas.

Todas as tapas terán un nome descritivo e serán elaboradas de xeito artesanal, incluíndo canda menos un produto galego autóctono de calidade.

A Laracha de tapas conta con dúas categorías de galardóns. O premio do xurado popular á mellor tapa está dotado con 200 euros e será decidido directamente polos clientes. Cada establecemento terá a disposición do público urnas pechadas e as papeletas para emitir as votacións, que deberán estar debidamente cubertas e contar co selo de tres locais, xa que para votar é imprescindible ter degustado tres tapas diferentes.

A categoría do xurado profesional contará cun primeiro (300 euros) e un segundo premio (250 euros). Os seus membros acudirán identificados a cada local para degustar as tapas, valorar e seleccionar as mellores creacións.

Os gañadores de ambas categorías daranse a coñecer na web municipal www.alaracha.gal e tamén nas redes sociais. En todos os casos, o acto de entrega dos premios celebrarase o sábado 18 de marzo na Gala de Comercio que organiza a Asociación de Comercio, Servicios e Industria da Laracha coa colaboración do Concello.

Para facilitar o desenvolvemento das tres xornadas do evento A Laracha de tapas e a información que se ofrecerá ao público, o Concello distribuirá un mapa de localización de todos os establecementos participantes, indicando as tapas que se ofrecen en cada un deles e o seu emprazamento. Ademais, haberá un tren turístico que fará un percorrido continuado entre os dez locais que forman parte do evento.