Concello
O Concello destina 75.000 euros á convocatoria de axudas á escolarización municipais
09/08/2024
O Boletín Oficial da Provincial (BOP) publica hoxe as bases da convocatoria do Concello da Laracha relativa ás axudas ás familias para a escolarización dos seus fillos, cuxo obxectivo é colaborar cos gastos que supón o inicio do curso escolar 2024-2025 (adquisición do material escolar específico e didáctico complementario, vestiario, equipamento informático ou calquera outro desembolso directamente relacionado coa actividade educativa).
O prazo de solicitude de participación nesta convocatoria de axudas municipais abrirase mañá e rematará o 30 de setembro ás 15:00 horas. A instancia que debe presentarse debidamente cuberta e acompañada da documentación requirida, pode recollerse no propio Concello ou descargarse nesta web municipal. Unha vez rematado o prazo, a Comisión de Valoración analizará todas as solicitudes presentadas atendendo a criterios educativos e económicos, beneficiando principalmente ás familias con menores recursos económicos.
Poden solicitar beneficiarse da convocatoria todos os estudantes empadroados no municipio, desde alumnos de educación infantil ata universitarios. A dotación económica alcanza os 75.000 euros, sendo as contías individuais de 165 euros para os beneficiarios das bolsas de estudos que sexan estudantes de educación infantil, 150 euros para os de educación primaria, secundaria obrigatoria e programas de garantía social, 225 euros para os estudantes de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior, 350 euros para aqueles alumnos que presenten necesidades educativas especiais e 400 euros para os que cursen estudos universitarios (grao medio, superior e máster). Cabe lembrar que estas axudas municipais son compatibles con calquera convocatoria de bolsas de estudos realizada por outra administración ou institución.
Con esta convocatoria o Concello renova cada ano o seu compromiso cos estudantes consciente das dificultades económicas que supón para moitas familias o inicio do curso escolar, e co propósito esencial de facilitar o proceso de formación dos veciños como o elemento fundamental para o seu desenvolvemento persoal.
Descargas: