• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O CONCELLO DA LARACHA AGRADECE A PORTOS DE GALICIA A ACTUACIÓN QUE ESTÁ A ACOMETER EN CAIÓN

02/03/2017

O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, acompañado polos edís José Ramón Martínez Barbeito e Jesús Souto, recibiu hoxe en Caión a José Juan Durán, presidente de Portos de Galicia, e agradeceulle a actuación que se está acometendo para mellorar a seguridade no peirao desta localidade.

A obra principal que está a executar a empresa Construcciones López Cao consiste na reparación dos fendas detectadas no muro da marxe dereita na entrada ao porto. A actuación levouse a cabo con carácter urxente para evitar que a infraestrutura puidese sufrir danos de maior entidade.

Segundo informaron os enxeñeiros responsables das obras, os traballos consisten no recalce duns vinte metros do muro e o recheo do oco xurdido na parte baixa empregando formigón en ambos casos. A obra complétase coa limpeza e saneamento da zona, a reposición das defensas -retirándose as actuais de rosario e substituíndoas por outras catro de tipo V- e a instalación dunha escala de gato.

Ademais, a poucos metros deste punto de actuación acometerase o rexunteo das gretas que presenta a rampla. Para rematar, na nova parte das instalacións portuarias mellorarase a canalización da rede de augas pluviais.

Nestas obras que se están a realizar en Caión Portos de Galicia inviste 45.000 euros.