• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A nova pista polideportiva de Paiosaco abrirase ao público nos próximos días

22/07/2024

O Concello estará nos próximos días en disposición de inaugurar a nova pista polideportiva de Paiosaco, unha vez rematen as últimas actuacións coas que se está a dotar á infraestrutura cos equipamentos necesarios que a fagan máis confortable para os seus usuarios.

O alcalde, José Manuel López Varela, e os edís Pablo Cambón e José Ramón Martínez Barbeito, reuníronse na propia pista co responsable da empresa larachesa Tibar, encargada da instalación do sistema de iluminación consistente en catro báculos con lámpadas LED que contarán cun sistema de acendido manual e un temporizador co dobre obxectivo de permitir o uso das instalacións a calquera hora do día e aumentar a eficiencia enerxética. Tamén se vai dotar aos espazos exteriores da pista con mobiliario urbano.

Unha vez completadas estas actuacións, o novo equipamento abrirase ao público para uso e desfrute da cidadanía larachesa, especialmente para a mocidade, potenciando nese grupo de idade a práctica da actividade deportiva e, por tanto, os estilos de vida saudables

A pista polideportiva de Paiosaco está situada nun punto estratéxico do lugar da Porta Santa, a carón do CEIP Alfredo Brañas, fronte ao campo de fútbol de Paiosaco e preto do centro sociocultural da vila. A área de xogo presenta unhas dimensións de 46x32 metros sobre as que están marcadas unha pista de fútbol sala e dúas de baloncesto coas correspondentes porterías e canastras. Tamén conta cun valado perimetral de seguridade e tres accesos.

A actuación supón un investimento de 165.000 euros que o Concello financia integramente con fondos propios municipais.