• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello inicia o procedemento de contratación de proxectos de mellora da rede viaria municipal en cinco parroquias

13/07/2024

Continuando co desenvolvemento do plan de conservación da rede viaria municipal, que se intensifica durante o verán por tratarse da época do ano coa climatoloxía máis favorable para a realización deste tipo de obras, o Concello vén de iniciar o procedemento de contratación de proxectos que afectan a estradas de cinco parroquias.

A intervención máis ampla localízase en Montemaior, estando previstas intervencións de renovación da capa de rodadura no núcleo de San Fins -incluíndo o acondicionamento dos sobreanchos e a mellora de rede de pluviais- e en Sabaceda.

Tamén está proxectada a ampliación da anchura da calzada no núcleo de A Pedra da parroquia de Coiro, ademais de actuacións de mellora da superficie de rodadura en A Lourenceira.

En Golmar as actuacións  previstas consisten na renovación do pavimento no núcleo de A Pedra, idénticas ás que se realizarán nos lugares de O Corgo de Abaixo, A Millarada e A Tapia, da parroquia de Soandres, e en Proame, de Lemaio.

En todos os casos as obras completaranse coa sinalización horizontal para reforzar a seguridade viaria.

O investimento total alcanza os 280.000 euros.