• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Abanca e Afundación presentan en caión “Auga. o sangue da terra”, unha invitación á reflexión para un mundo máis sostible

11/07/2024

«Auga. O sangue da terra», de Manuel Valcárcel é unha invitación á reflexión sobre o impacto da actividade humana e a necesidade perentoria de incorporar a sustentabilidade á nosa forma de vida. Desde hoxe pode visitarse no Centro Sociocomunitario de Caión, onde se poderá visitar ata o vindeiro 23 de agosto, de luns a venres en horario de 10.00 a 14.00 h.

A iniciativa é posible grazas á colaboración entre o Concello da Laracha, ABANCA e Afundación, institucións que estiveron representadas no acto de inauguración de hoxe polo alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López; a concelleira de Cultura do Concello da Laracha, Patricia Bello; o concelleiro de Obras e Urbanismo do Concello da Laracha, Pablo Cambón; a concelleira de Servizos Sociais e Promoción Económica do Concello da Laracha, Rocío López; o coordinador institucional de ABANCA para A Coruña, José Manuel Vilariño; o director de oficina de ABANCA da Laracha, Juan Manuel Pazos; o director de zona de ABANCA, Jacobo Sánchez; e a coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores.

Esta proposta é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

Esta mostra tamén se enmarca no programa social «Cultura por alimentos», que anima o público visitante a realizar a súa visita achegando alimentos non perecedoiros, que serán destinados ao banco de alimentos local.

«AUGA. O SANGUE DA TERRA»

Na exposición realízase un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca do lucense río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas.

As imaxes están distribuídas en tres bloques. O primeiro, «Os estados da auga», recolle fotografías tomadas en Nova Celandia e Galicia, co río Lor como protagonista, que plasman o paso da auga en estado sólido ao líquido e, ao mesmo tempo, os engarces entre a montaña e o mar.

«A auga e a vida» conforma o segundo bloque con imaxes de dous lugares do continente asiático. Un deles é Varanasi, na India, por onde pasa o río Ganges, que é parte da vida espiritual dos hindús e é destino sacro de peregrinación. O segundo lugar é Longshen Guilin, na China, onde o manexo da auga por parte do ser humano determinou a paisaxe. As ladeiras reconstruíronse con terrazas nas que se cultiva o arroz.

«Vivindo na escaseza» é o último bloque que trata sobre a escaseza e ausencia de auga. Inclúe imaxes de Malí e os seus pescadores bozo, quen, aproveitando a época seca, recollen todo o peixe que poden no río Níxer para despois vendelo. A escaseza de auga tamén se ilustra con imaxes do deserto de Atacama, onde a seca deu lugar a unha paisaxe lunar.