Concello
O Concello conclúe obras de mellora da rede viaria cun investimento superior aos 400.000 euros
06/07/2024
O Concello vén de concluír a execución de catro proxectos de mellora da rede viaria municipal nos que foron investidos máis de 400.000 euros.
En Golmar rematou a execución do proxecto de mellora da estrada que comunica O Igrexario con San Pantaión, na que é unha das vías vertebradoras das comunicacións nesa zona ao dirixir, a continuación, ás parroquias de Soutullo, Soandres e, finalmente, ao municipio veciño de Cerceda. O tramo obxecto desta intervención presenta unha lonxitude de 1.225 metros ao longo dos que foi renovada a superficie de rodadura dos vehículos cunha capa de aglomerado asfáltico en quente, acondicionados os sobreanchos a ambas marxes da calzada e perfiladas as cunetas para favorecer a drenaxe do terreo. Os traballos completaranse coa sinalización vertical e horizontal, contemplando o pintado das liñas dos bordes e do eixo da plataforma, así como dos símbolos necesarios segundo o código de circulación. Paralelamente levouse a cabo outro proxecto neste lugar grazas a que se ampliou a rede de abastecemento entre Golmar do Medio e San Pantaión.
Tamén finalizaron recentemente as obras de renovación do pavimento na estrada da parroquia de Caión que comunica O Outeiro coa vía DP-1913. A actuación supuxo a dotación dunha nova capa de rodadura dos vehículos á plataforma da calzada para unha mellor conexión entre o citado núcleo e a estrada provincial. Previamente levárase a cabo a limpeza e perfilado das cunetas para favorecer a drenaxe do terreos e a recollida de augas pluviais.
En Erboedo executouse o proxecto de mellora da rede viaria na estrada que comunica A Fontenla con O Loureiro. Actuouse nun quilómetro de distancia, levándose a cabo o acondicionamento do sobreancho na zona máis estreita para ampliar a calzada. Ademais realizouse a limpeza e perfilado das cunetas para facilitar a drenaxe e a sinalización horizontal e vertical. Nesta parroquia tamén se realizaron outras actuacións de mellora da estrada nos núcleos de San Paio e da Carballeira.
En Lemaio mellorouse a vía entre A Fraga e O Pereiro, dotándoa cun novo pavimento e incluíndo, tamén, a limpeza das cunetas e a sinalización.
Proxecto en Coiro
Nos próximos días comezará a execución do proxecto de mellora da estrada da parroquia de Coiro que comunica a DP-1913 co núcleo da Riba, pasando tamén por A Matosa e A Ferraría.
A intervención inclúe a renovación da capa de rodadura con aglomerado asfáltico en quente, a adecuación das cunetas, a canalización das augas pluviais para favorecer a drenaxe do terreo e a correspondente sinalización horizontal e vertical.
Neste caso o orzamento alcanzará os 80.000 euros.