• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello ampliará a rede de saneamento na rúa Castelao de Paiosaco

07/07/2024

A rúa Castelao, no núcleo urbano de Paiosaco, vai ser obxecto dunha intervención dirixida a completar a rede de saneamento para levar o servizo á totalidade das vivendas, tanto ás xa existentes na actualidade como a posibles construcións que se realicen no futuro.

O Concello xa ten adxudicado o proxecto e nos próximos días comezará a execución das obras consistentes na instalación dun grupo de bombeo necesario para conducir as augas residuais á rede xeral debido á pendente que presenta o terreo nese lugar.

O investimento superará os 40.000 euros, que serán cofinanciados entre o Concello e a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental.

Actuación en Erboedo

Na parroquia de Erboedo concluíuse recentemente a execución do proxecto co que se dotou coa rede de saneamento aos núcleos do Igrexario e de Reirís. A intervención consistiu na construción dun novo ramal cunha lonxitude aproximada de 400 metros que conectou os citados núcleos coa depuradora situada no lugar do Toural. A obra tamén permitirá, nun futuro, avanzar cara a ampliación a outras zonas.