• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A primeira quenda dos campamentos municipais de verán conta con 50 participantes

04/07/2024

Mañá venres concluirá a primeira quenda dos campamentos que cada verán organiza o Concello. Nesta semana está a participar medio centenar de rapaces de idades comprendidas entre os 10 e os 12 anos.

Cada día, desde o pasado luns e ata mañá, o autobús cos rapaces e os monitores sae da Praza do Concello ás 10:00 h e regresa 18:00 h. A parada para o xantar é ás 14:00. Durante toda a semana os participantes realizan en Caión moi diversas actividades lúdicas, recreativas, educativas, culturais e deportivas, incluíndo xogos de animación, obradoiro de cociña saudable, inchables de auga, circuíto de karts, contacontos e a festa da escuma coa que finalizará o campamento. Tamén desfrutaron de saídas ao parque acuático de Cerceda e ao centro de turismo ecuestre O Ventoso de Erboedo.

Todos os anos o Concello aposta por organizar estes campamentos no marco do programa cultural e deportivo de verán aproveitando as instalacións municipais existentes en Caión e as características da vila, que permiten organizar un amplo abano de actividades nesta época do ano. Ademais de ofrecer ao nenos a posibilidade de divertirse practicando deporte e realizando actividades de tipo educativo, os campamentos son tamén unha importante axuda para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos seus pais durante as vacacións nos centros educativos.

A próxima semana realizarase a segunda quenda dos campamentos, tamén de luns a venres, no mesmo horario e cun programa de actividades similar. Neste caso os participantes terán entre 7 e 9 anos de idade.