• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O CONCELLO E O CLUB AMIGOS DO JUDO LARACHA ORGANIZAN UN CURSO DE DEFENSA PERSOAL DIRIXIDO A MULLERES

18/04/2016

A Laracha acollerá ao longo do mes de maio un curso de defensa persoal dirixido a mulleres de entre 16 e 60 anos de idade que organizan o Concello e o Club Amigos do Judo Laracha en colaboración coa Real Federación Española de Judo y Deportes Asociados.   

As sesións impartiranse todos os sábados de maio (días 7, 14, 21 e 28) en horario de tarde, de 18:00 a 20:00 horas, en instalacións municipais.   

O curso está dividido en catro sesións, nas que se abordarán de xeito teórico e práctico as técnicas básicas de desprazamento defensa-ataque, soltas e golpeo, loita no chan e emprego de armas de fortuna, explicando ás asistentes as accións que se deben realizar ante unha situación de risco e as que é preciso evitar.   

As ponencias e clases prácticas serán desenvolvidas por persoas especializadas na materia, contándose tamén con persoal pertencente ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.   

A defensa persoal que se desenvolverá no curso é un instrumento de formación e aplicación física que comprende un conxunto de coñecementos, actitudes, habilidades e técnicas corporais, que lle van permitir ás alumnas prever, avaliar, saber que facer e, en consecuencia, actuar ante situacións de ameaza, conflito ou agresión.   

Os obxectivos fundamentais da iniciativa son axudar ás mulleres a reforzar a súa autoestima e superar os seus medos. Farase promovendo unha autonomía persoal, física e mental en métodos de evasión e de autodefensa mediante unha información e formación axeitadas nestas áreas. Tamén se ofrecerá coñecemento e práctica na prevención da violencia de xénero e, fundamentalmente, promoverase a utilización das canles legais de protección e a denuncia.   

A inscrición no curso é gratuíta y poderá formalizarse a partir do luns no Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha, situado no novo edificio administrativo.

Compartir: