Concello
A Xunta Local de Seguridade analiza a situación da seguridade cidadá na Laracha
03/07/2024
Esta mañá celebrouse no Salón de Plenos do Concello unha reunión da Xunta Local de Seguridade, sesión que estivo copresidida polo alcalde, José Manuel López Varela, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas. Tamén asistiron a vicesecretaria xeral da Delegación do Goberno na Coruña, Eva Vázquez; o tenente alcalde, José Ramón Martínez; o tenente coronel da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Jorge Bodelón; o capitán xefe da compañía da Garda Civil de Carballo, Jesús Ramón Viaño; o tenente do destacamento da Garda Civil de Tráfico da Coruña, Antonio Rodríguez; e o inspector xefe da Policía Autonómica na Coruña, Alejandro Maceiras.
O motivo principal da convocatoria da reunión foi abordar a situación da seguridade cidadá, constatando o baixo índice de criminalidade no termo municipal e poñendo de manifesto que A Laracha é un concello seguro. A taxa local de delincuencia é de 25,2 infraccións por cada mil habitantes e ano, mentres que a nacional é máis do dobre (51,2) e manténdose a do concello sensiblemente por debaixo da autonómica (35,2) e da provincial (37,5).
Neste punto o alcalde explicou a situación da Policía Local da Laracha. Dado que os cinco efectivos (un oficial e catro axentes) se atopan de baixa médica desde principios do mes de xuño, o Concello non dispón do corpo municipal de seguridade para o desenvolvemento das súas funcións nunha época como o verán na que se concentra a maior parte dos eventos multitudinarios do ano. Nestes momentos cóntase unicamente con tres auxiliares de policía e co reforzamento do apoio por parte da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.
López Varela expresou o seu agradecemento tanto á subdelegada do goberno como aos representes da Garda Civil pola colaboración prestada recentemente no desenvolvemento das dúas probas da Copa de España de Ciclismo Paralímpico que acolleron as parroquias de Vilaño e de Caión, que implicaron o corte á circulación de estradas. Así mesmo, solicitou a cooperación da Garda Civil para garantir a seguridade nos eventos festivos deste verán.
Por último, a concelleira de Igualdade, Rocío López, sumouse á Xunta Local de Seguridade para expoñer o labor desenvolvido por todos os departamentos municipais en materia de loita contra a violencia de xénero. Entre outras temáticas, destacou a implicación dos diferentes sectores profesionais (educación, sanidade, forzas e corpos de seguridade e o persoal propio do Concello) nas reunións trimestrais das mesas de cooperación interinstitucional sobre esa materia. Tamén se puxo en valor a cooperación da Garda Civil no desenvolvemento de actividades de prevención da violencia de xénero nos centros de ensino laracheses.