Concello
O Espazo de Participación da Infancia e da Adolescencia do Concello da Laracha aborda as necesidades en materia de mobilidade no seu VI Encontro
01/07/2024
O Espazo de Participación de Infancia e Adolescencia ven de celebrar o pasado 26 de xuño o seu VI Encontro, coa temática da mobilidade como cuestión central a tratar. Nese sentido, a motivación da selección do tema reside na posta en marcha dun Plan de Mobilidade Urbano Sostible (PMUS) impulsado dende o Concello da Laracha, medida recollida para as medidas do ámbito da mobilidade dentro do Plan Local de Infancia e Adolescencia (PLIA). Ademais, nos diferentes encontros, a mobilidade era un dos principais temas que os NNA consideraban preciso abordar para construír un municipio máis amigable con todas as idades, xunto co deseño dos espazos públicos, a mellora dos espazos de ocio e esparexemento, etc.
Parte activa do proceso participativo do PMUS
Unha das primeiras actividades realizadas no encontro consistía na participación dos NNA na enquisa de mobilidade vinculada ao proceso participativo do PMUS.
Con isto, tal e como resalta a Concelleira Delegada de Sanidade, Servizos Sociais, Igualdade, Emprego e Promoción Económica, “implicar á infancia no proceso participativo do PMUS é chave para coñecer as necesidades propias que pode ter a infancia e a adolescencia, traballando e mellorando para que os desprazamentos aos seus principais espazos poidan ser o máis seguro posible. Foi por iso polo que incluímos o PMUS no Plan Local de Infancia e Adolescencia, e polo que hoxe estamos implicando aos nenos e nenas do Espazo de Participación na diagnose e na recollida de propostas”.
Na enquisa, preténdese recoller a valoración dos principais elementos vencellados coa mobilidade (beirarrúas, carrís bici, iluminación, etc.) no termo municipal e en cada un dos 3 núcleos (Torás, Caión e Paiosaco). Xunto a isto, tamén se pretenden identificar os desprazamentos que se realizan habitualmente, recollendo o medio de transporte empregado e os principais núcleos de partida e de chegada.
Propostas para a mellora da mobilidade
Seguidamente, os NNA dispuxeron dun mapa das 3 vilas que compoñen o noso municipio e sinalaron no mesmo os principais espazos aos que adoitan desprazarse, os puntos que identifican como inseguros e os principais medios de transporte que empregan para os seus desprazamentos. Estes, de forma maioritaria, consistían en centros educativos, espazos culturais e deportivos, praias e área recreativa de Gabenlle.
Xunto a isto, os NNA, traballando en equipos, identificaron as necesidades e realizaron propostas en materia de: accesibilidade, mobilidade ciclista, seguridade viaria, iluminación e transporte público. Nas mesmas, as cuestións máis mencionadas tiveron que ver coa disposición de espazos e facilidades para impulsar a mobilidade en bicicleta (vías concretas, lavadoiros, alugueiros, etc.), a mellora das marquesiñas de transporte público, a mellora da accesibilidade peonil a través dunhas beirarrúas máis amplas e a concienciación cidadá para evitar o estacionamento en prazas de aparcadoiro destinadas a PMR.