Concello
AS OBRAS DE CONSTRUCIÓN DO COMEDOR DO CEIP ALFREDO BRAÑAS DE PAIOSACO ENTRAN NA SÚA FASE FINAL
22/02/2017
Avanzan a bo ritmo de execución as obras de construción do comedor do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco. José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, José Ramón Martínez Barbeito (tenente alcalde) e Patricia Bello (edil responsable da área de Ensino) desprazáronse hoxe ao colexio, onde se reuniron coa directora, Agripina Alfeirán, e coñeceron in situ o resultado das actuacións realizadas.
A nova infraestrutura está a ser habilitada na planta baixa do edificio principal, no local que anteriormente se empregaba como almacén. Esa foi a opción escollida pola comodidade que ofrece o seu emprazamento e tamén por dispoñer dun acceso independente, cuestión de especial relevancia xa que o comedor será empregado fóra do horario lectivo.
A cooperación entre as administracións permitiu a celeridade no desenvolvemento das actuacións. Xa durante as pasadas vacacións de Nadal o Concello da Laracha asumira a eliminación dos tabiques e das paredes interiores para deixar o antigo local diáfano. A continuación, comezou a executarse o proxecto financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, cun investimento estimado duns 30.000 euros, e que inclúe a adaptación do local, a dotación con todos os servizos (fontanería, electricidade, etc.) e o equipamento.
A comunidade educativa beneficiarase en próximas datas, deste xeito, dun novo servizo dirixido a facilitar a vida persoal e laboral das familias dos alumnos do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco. A previsión é que 35 nenos sexan usuarios do comedor escolar no momento no que se poña en marcha.