Concello
O Concello colabora con Acougo para fomentar o acollemento familiar
15/06/2024
A Laracha acollerá o vindeiro día 25 de xuño ás 18:30 horas no Edificio de Servizos Múltiples unha charla de difusión e información sobre o acollemento familiar que impartirá a Asociación Galega de Familias de Acollida Acougo.
Baixo o título “Todos os nenos necesitan unha familia ou dúas”, crearase un espazo de encontro cun primeiro achegamento a esta temática, explicando as diferencias entre o acollemento e a adopción, ademais de expoñer os beneficios do acollemento para os nenos. Tamén se dará conta das estatísticas de nenos e adolescentes que están en risco, descoñecidas para a maioría da sociedade.
Ademais, aproveitarase a ocasión para presentar á poboación larachesa a asociación Acougo e mostrar a actividade que desenvolve en favor dos nenos que están no sistema de protección e o apoio que ofrecen de maneira gratuíta ás familias acolledoras. Por último, informarase sobre as institucións e entidades que se involucran no acollemento familiar. Tamén haberá tempo para que as persoas asistentes poidan formular as preguntas que consideren para aclarar as dúbidas que poidan ter sobre esta temática.
A inscrición, que é gratuíta, abrirase o luns e debe formalizarse vía telefónica chamando ao 981309896 ou ao 647749629. Ofrecerase conciliación para aquelas familias que acudan á charla cos seus fillos.