Concello
O Concello lembra que continúa activa a campaña de compostaxe doméstica
11/06/2024
O Concello lembra que a campaña de compostaxe doméstica continúa activa para aquelas persoas residentes en vivendas unifamiliares do termo municipal da Laracha que dispoñan de parcela anexa.
Consiste na cesión gratuíta de composteiros domésticos e kits de compostaxe combinada con campañas informativas e asesoramento par parte de persoal especializado que acudirá ás propias vivendas para a súa implementación e, posteriormente, para realizar o seguimento e aconsellar sobre o uso axeitado do equipamento.
Cada composteiro ten unha capacidade de 400 litros e está realizado en material 100 % reciclado. Conta cunha tapa superior con peche anti-vento e dobre apertura, así como cun sistema de montaxe sinxelo. Os kits de compostaxe están compostos por aireador de aceiro inoxidable, rede antirroedores e manual en papel impreso coa información necesaria para a correcta realización da compostaxe.
Aquelas persoas e familias que cumpran os requisitos establecidos e desexen formar parte do programa de compostaxe doméstica xa poden facer a reserva gratuíta do seu composteiro cumprimentando o formulario que está dispoñible ao final desta nova. Actualmente son máis de 300 vivendas do termo municipal as que xa contan cun composteiro individual grazas ás iniciativas levadas a cabo nos últimos anos polo Concello.
A compostaxe doméstica consiste na reciclaxe en orixe da materia orgánica, converténdoa nun abono natural con excelentes propiedades para o solo e que o propio particular pode utilizar no seu xardín, horta ou terras de cultivo, substituíndo polos fertilizantes artificiais.
Con esta iniciativa lógrase o dobre obxectivo do respecto ao medio ambiente e tamén económico, xa que, por unha parte, as vivendas produtoras de compost poderán utilizado para o seu uso persoal e, ademais, reducirase a carga de residuos sólidos urbanos que se depositan nos colectores.
A campaña de compostaxe doméstica que impulsa o Concello da Laracha conta co financiamento da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia para actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resilienciada UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2023-2024.
Solicita de balde o teu composteiro cubrindo este FORMULARIO.