Concello
O Concello oferta oito prazas para participar nun novo programa de intercambio xuvenil en Venecia
07/06/2024
Froito das relacións establecidas entre A Laracha e outros municipios e entidades de diversos países do continente no marco dos programas de irmandamento desenvolvidos a través de Europe for Citizens co apoio da Unión Europea, o Concello organiza por terceiro ano un programa de intercambio xuvenil en colaboración co Polo Tecnico Professionale de Venecia.
A iniciativa vai dirixida a mozos laracheses de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. A viaxe á cidade italiana realizarase do 24 ao 31 de agosto, datas durante as que os participantes, ademais de coñecer Venecia e outras localidades do seu entorno, visitarán os puntos de interese máis importante e realizarán actividades de tipo cultural con percorridos polos principais museos e monumentos.
O prazo de preinscrición está xa aberto e debe formalizarse ata o mércores da semana que vén, día 12 de xuño, presentando no Concello, vía presencial ou telemática, debidamente cuberto o documento que está dispoñible para a súa descarga na web alaracha.gal e na Sede Electrónica. Terán prioridade as persoas que non participaran neste programa no ano pasado. No caso de ser necesario, para outorgar as oito prazas dispoñibles realizaríase un sorteo público o xoves 13 de xuño ás 12:00 h no Salón de Plenos do Concello.
A cota de inscrición para as persoas que obteñan a praza é de 200 euros e inclúe o transporte, aloxamento, manutención, seguro de accidentes e todas as actividades a realizar en Venecia.
Con esta iniciativa o Concello pretende, un ano máis, aportar o seu gran de area na construción da cidadanía europea, animando á mocidade a aproveitar esta excelente oportunidade de coñecer outro país, o seu idioma e a súa cultura, potenciando a mobilidade xuvenil, tendendo pontes para a cooperación transfonteiriza con outros países e proxectando cara o exterior o noso municipio.
Descargas:
Publicación BOP (07.06.2024)
Documento presinscrición (aberta ata o mércores 12 de xuño)