• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Comezan as obras de renovación do céspede do campo Municipal da Laracha

05/06/2024

Xa están en marchas as obras de renovación do céspede sintético do campo de fútbol Municipal da Laracha, actuación coa que o Concello substituirá o terreo de xogo desa instalación deportiva que levaba sendo empregado de xeito intensivo durante os últimos quince anos. As obras comezaron unha vez rematada a temporada 2023-2024, por tanto sen interferir na actividade dos clubs laracheses que xogan os seus partidos como locais no Municipal e desenvolven alí os seus adestramentos.

A primeira fase de actuacións, que executa a empresa Mondo Ibérica, céntrase na retirada dos tepes do terreo de xogo e a súa contorna e na completa limpeza do ámbito, incluíndo o caucho que fora aportado durante os últimos anos. A continuación procederase á instalación do novo céspede tanto na área de xogo como nos espazos externos que conforman as bandas laterais e os fondos, facendo un total de 6.950,96 metros cadrados de superficie nunhas dimensións de 107,60 x 64,40 metros.

O novo céspede será de última xeración, mixto e de 40 milímetros. Cumprirá coas especificacións e normativas correspondentes para asegurar a máxima calidade conforme aos niveis que esixe a certificación FIFA Quality Pro. Colocarase sobre unha nova base plástica que favorecerá un máis óptimo comportamento deportivo para a práctica do fútbol.

A solución escollida é medioambientalmente sostible ao empregar maquinaria específica na retira do céspede que posibilite o aproveitamento do material ata nun trinta por cento.

O proxecto de renovación do céspede sintético no Campo Municipal da Laracha está valorado en 215.000 euros.