Concello
O Concello acolleu unha nova reunión da Mesa Educativa e Sanitaria Contra a Violencia de Xénero
01/06/2024
A mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino celebrou no Salón de Plenos unha nova reunión periódica. Estivo copresidida polo alcalde, José Manuel López Varela, e Ana Aldao, directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM). Contou tamén coa presenza da concelleira de Igualdade, Rocío López, e de representantes dos Servizos Sociais municipais, dos catro centros de ensino do termo municipal, do centro de saúde da Laracha e da Garda Civil.
Unha das cuestións tratadas foi presentar propostas para o desenvolvemento de obradoiros de promoción das boas conductas entre o alumnado dos centros de ensino (IES Agra de Leborís e CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión) no próximo curso escolar. Foi consensuado entre os membros da mesa que as temáticas a traballar xirarán en torno aos hábitos de vida saudables, a autoestima e a educación afectivo-sexual.
Tamén se aproveitou a reunión para que os representantes municipais solicitasen a colaboración do persoal do centro médico da Laracha de cara á organización das xornadas de promoción da saúde que o Concello ten previsto levar a cabo no mes de outubro trala excelente experiencia da primeira edición que se realizara o ano pasado.
Do mesmo xeito, púxose de manifesto a alta valoración por parte dos profesionais do centro médico da xornada formativa levada a cabo en abril co propósito de reforzar os protocolos de actuación ante a detección de posibles casos de violencia de xénero ou risco de exclusión social.