Concello
O “Obradoiro de Emprego A Laracha VIII” realiza o peche perimetral do Castro de Montes Claros
23/05/2024
A especialidade de traballos de carpintería e moble do Obradoiro de Emprego A Laracha VIII comezou a realizar as intervencións previstas no Castro de Montes Claros. O ámbito está a ser protexido cun peche perimetral realizado en madeira para lograr a perfecta integración no entorno no que se sitúa. O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego, Rocío López, realizaron unha visita ao lugar das actuacións para reunirse co persoal do obradoiro dual de emprego e coñecer o resultado dos primeiros traballos.
Esta intervención forma parte da fase práctica do procedemento de aprendizaxe do alumnado, xa que os obxectivos principais do programa son que os participantes poidan formarse nunha profesión realizando traballos de interese xeral para a cidadanía larachesa.
Outras actuacións encomendadas a esta especialidade son a reparación do paseo fluvial do Anllóns e a creación de novo mobiliario para o espazo de lecer xunto ao campo de fútbol de Vista Alegre e tamén para a Ribeira de San Fins.
O Obradoiro de Emprego A Laracha VIII é organizado polo Concello co apoio económico da Xunta de Galicia. Conta cun total de vinte alumnos traballadores repartidos entre a citada especialidade de traballos de carpintería e moble e a de operacións básicas de revestimentos lixeiros e técnicos en construción, que centra actualmente o seu labor na rehabilitación do centro sociocultural de Erboedo. Ao cargo do programa está o equipo directivo, formativo e administrativo composto por cinco persoas: directora, mestre de ensino básico, auxiliar administrativo e mestre de cada unha das dúas especialidades.
O alumnado traballador está a ter a oportunidade de aprender un oficio tanto a nivel teórico como práctico por un período de doce meses -dos que xa se cumpriu a metade-, tempo no que perciben unha remuneración económica ao estar vinculados ao Concello cun contrato de formación. Ao remate do obradoiro, en caso de completar a aprendizaxe con éxito, obterán o certificado de profesionalidade que acreditará a súa cualificación e competencia para exercer a profesión, mellorando por tanto a súa empregabilidade e facilitando a posterior inserción no mercado laboral.