• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello inicia a redacción do Plan de Mobilidade Sostible

15/05/2024

O Concello vén de iniciar a redacción do Plan de Mobilidade Sostible da Laracha, documento que servirá como ferramenta de planificación estratéxica do territorio a través do fomento dunha mobilidade sostible que procure unha accesibilidade universal e implique transformar múltiples hábitos da mobilidade. A implantación de formas de desprazamentos máis sostibles (camiñar, bicicleta, transporte público) está estreitamente ligada á redución da contaminación, á mellora do espazo público e ao impulso da inclusión social. A iniciativa enmárcase no desenvolvemento do Plan Local de Infancia e Adolescencia.

Como inicio do proceso de toma de datos, o equipo redactor xa comezou a avaliar a calidade do espazo público e a localizar aqueles puntos sobre os que resultaría de especial interese actuar.

Ao tratarse dun procedemento participativo, na web www.alaracha.gal e nas redes sociais municipais estará dispoñible unha consulta dixital en liña a través da que calquera persoa residente no termo municipal da Laracha terá a opción de participar de xeito que o Concello poida coñecer tanto as demandas e propostas como os hábitos de mobilidade da súa veciñanza en relación ao Plan de Mobilidade Sostible. O cuestionario, que é de carácter anónimo, poderá cubrirse ata o 23 de xuño.

Dita consulta súmase ás mesas de participación cidadá, que se celebrarán en datas aínda por decidir, nas que os diferentes colectivos e a veciñanza interesada poderán participar para facer as súas achegas. De xeito adicional poderán enviarse suxestións ao correo electrónico mobilidade.laracha@gmail.com. Tamén se levarán a cabo entrevistas con axentes chave.

A necesidade de desenvolver un Plan de Mobilidade no Concello de Laracha xorde a raíz da crecente preocupación polo medio ambiente e o fomento de modos de transporte sostible. O Plan comezará cunha fase inicial de toma de datos e análise da situación actual, trala que se realizará á diagnose dos problemas concretos da Laracha en canto á mobilidade e uso do espazo público. Este proceso permitirá orientar a busca de solucións, propostas e conclusións que axuden a mellorar a mobilidade actual no ámbito da sustentabilidade.

Participa cubrindo esta Consulta Dixital.