• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

APROBADOS TODOS OS PUNTOS DO PLENO EXTRAORDINARIO SEN VOTOS EN CONTRA

21/02/2017

A Corporación municipal da Laracha celebrou hoxe unha sesión extraordinaria do Pleno na que se aprobaron os seis puntos da orde do día sen votos en contra e sendo por unanimidade a maioría dos acordos tomados. A sesión resolveuse en media hora e sen apenas debate ante a conformidade de todos os grupos coas propostas elevadas ao Pleno polo goberno local.

Unha das cuestións nas que todos os concelleiros se manifestaron a favor foi o contido do “POS+ 2017”, o programa da Deputación da Coruña que unifica varias liñas de axudas. José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, explicou que 383.000 euros deste programa irán destinados a gasto corrente para o financiamento de servizos mínimos municipais como a limpeza viaria, a iluminación pública, abastecemento de auga, rede de sumidoiros, acceso a núcleos de poboación e recollida e tratamento dos residuos sólidos urbanos. Deste xeito liberarase “cartos que estaban consignados para ese fin nos orzamentos xerais municipais e que pasarán a reforzar outras partidas ao longo do ano”.

En canto aos 377.000 euros que se destinarán a investimentos na rede viaria municipal, o rexedor municipal citou todas as actuacións que se levarán a cabo e que afectan a núcleos das parroquias de Cabovilaño (A Cacharra e O Igrexario), Lemaio (Villaviciosa, A Fraga, A Fontaíña e Proame), Erboedo (O Piñeiro e Cercido), Lestón (O Igrexario, A Torre e A Rabadeira), Torás (O Petón e A Rabadeira), Vilaño (O Formigueiro), , Coiro (A Ameixeira), Soutullo (Vilar do Boi e acceso a O Igrexario desde Novás), Soandres (Revirente, A Bouza, A Ferradura, Currelos, Condes, A Baiuca e A Orraca) e Montemaior (A Trigueira, O Sopé e Vilariño). Ademais está proxectada a mellora da sinalización nos tres cascos urbanos (A Laracha, Paiosaco e Caión) e en núcleos rurais. 

Os proxectos complementarios –os que se levarán a cabo no caso de que houbese novas achegas ao plan ou baixas nas contratacións-, valorados noutros 219.000 euros, afectarían ás parroquias de Vilaño (estrada A Areosa-A Balsa), Lendo (A Xesteira), Coiro (O Coto) e Torás (renovación do pavimento da rúa Manuel Murguía da Laracha).

López Varela lembrou que non se acudirá ao Plan de Aforro e Investimentos (PAI) debido “á boa e saneada situación económico financeira do Concello da Laracha”.  

Tamén houbo unanimidade na aprobación do acordo que permite iniciar o procedemento de adhesión á Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, que na actualidade abrangue un total de 113.970 hectáreas de dezasete municipios. Trátase dunha figura que outorga a UNESCO aos territorios que están comprometidos en compaxinar a conservación ambiental co desenvolvemento socioeconómico sostible, e que abre unha excelente oportunidade para dar prestixio ao Concello, ás empresas e aos produtos locais a través de marcas de calidade, incentivar e fortalecer as iniciativas ligadas ao turismo sostible, xerar oportunidades de emprego relacionadas co aproveitamento dos recursos locais e impulsar o respecto á natureza e ao medio ambiente.

Outro punto no que houbo pleno consenso foi a solicitude ao Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas de reposición de dúas prazas adscritas á Policía Local trala recente xubilación de dous axentes, trámite que se fai en cumprimento do establecido na Lei de Orzamentos Xerais do Estado. O alcalde explicou que actualmente hai “tres axentes prestando o servizo desde as oito da mañá ata as dez da noite, e con reforzos cando é necesario por xornadas de feira en Paiosaco e outros eventos multitudinarios”. Por iso avanzou que, ademais destas dúas prazas que se solicita ao Ministerio crear e ocupar, tamén serán contratados neste ano tres auxiliares de Policía Local de xeito temporal por un período de seis meses. Precisamente pola gratificación das horas extras aos axentes que están operativos, elevouse ao Pleno a modificación do presuposto necesaria para consignar para esa finalidade a cantidade de 3.150 euros, cuestión que foi aprobada cos votos a favor do grupo de goberno (PP) e do BNG e coas abstencións do PSOE e do grupo mixto (TeGa). José Manuel López Varela concluíu agradecendo “o esforzo que a Policía Local está a facer para prestar un servizo continuo e de calidade”.

Por último, foi aprobado o recoñecemento extraxudicial de crédito para oitenta e tres facturas que suman un total de 53.881,02 euros. O alcalde aclarou que se trata de “recibos de enerxía eléctrica, canon da auga por instalacións municipais, limpezas e outros servizos que se prestaron en 2016, pero que foron facturados polos provedores despois de rematarse o ano pasado”, polo que deben incorporarase aos orzamentos do presente exercicio para poder ser aboados. Neste punto abstivéronse os tres grupos da oposición.