• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O espectáculo “A maxia de Europa”, de Europe Direct A Coruña, chegará á Laracha o venres 10 de maio

03/05/2024

A Laracha acolle o venres da próxima semana, día 10 de maio, o espectáculo A Maxia de Europa. Trátase dunha actividade de EUROPE DIRECT A Coruña que mestura xogos, trucos, ilusións e humor para realizar unha viaxe máxica e dinámica para todos os públicos, maiores e pequenos, a través dos valores, símbolos, beneficios e algún dos programas da Unión Europea. A función, con entrada de balde, terá lugar na Casa da Cultura ás 18:00 horas.

O público asistente poderá seguir os trucos de maxia realizados coas bandeiras europea e dos estados membro ou a moeda común, entre outros elementos. O espectáculo estará guiado polo mago Pedro Bugarín, un ilusionista con máis de 15 anos de experiencia no seu eido e que tamén ten vivido múltiples experiencias de mobilidade en Europa.

Esta actividade lúdica e máxica está organizada por EUROPE DIRECT A Coruña dentro da iniciativa Europa no teu Concello, da que forma parte o Concello da Laracha. O espectáculo levará durante o mes de maio os valores, símbolos e oportunidades da Unión Europea a un total de seis municipios da provincia adheridos a esta rede.

Toda a información dispoñible está recollida na páxina: http://www.dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2024/la-magia-de-europa

Europa no teu Concello

Este espectáculo itinerante forma parte da programación que Europa no teu Concello ofrece aos membros da rede. EUROPE DIRECT A Coruña puxo en marcha esta iniciativa, da que xa forman parte 46 concellos, para aproximar a información sobre a Unión Europea a toda a cidadanía da provincia, en especial, da mocidade.