• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

AFABER impartirá un curso formativo na Laracha para coidadores de persoas cunha demencia neurodexenerativa

24/04/2024

Baixo o título Coidados compartidos, a Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias de Bergantiños (AFABER) vai realizar, co apoio do Concello, un curso para persoas coidadoras de persoas cunha demencia neurodexenerativa.

A iniciativa pretende achegar aos participantes formación e información sobre o alzhéimer e outras demencias, así como explicarlles os servizos e os recursos públicos que teñen á súa disposición para mellorar a atención e a calidade de vida.

O curso vaise desenvolver no Centro Sociocultural de Vilaño, no lugar da Areosa. Farase en tres sesións os venres 10, 24 e 31 de maio e en horario de 16:00 a 18:40 horas.

As persoas interesadas en participar poden ampliar información e formalizar a súa inscrición, que é gratuíta, a partir do próximo luns (29 de abril) no departamento de Servizos Sociais (Edificio Administrativo da Laracha, teléfono 981612811) ou contactando con AFABER.

Colaboran con AFABER e o Concello na organización deste programa a Federación de Alzhéimer de Galicia FAGAL e o Festival de La Luz.