• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O II Día da Muiñeira celebrarase o 28 de abril baixo a organización da Asociación Cultural Santa María de Torás

20/04/2024

A praza Les Sables d’Olonne da Laracha acollerá o domingo da próxima semana, día 28 de abril, a segunda edición do Día da Muiñeira. O evento é organizado pola Asociación Cultural Santa María de Torás coa colaboración do Concello. Precisamente para simbolizar dita cooperación e coñecer polo miúdo o programa da xornada, o alcalde, José Manuel López Varela, e a edil de Cultura, Patricia Bello, recibiron no Concello a Almudena Martínez, presidenta da entidade, e a tres membros da directiva, Raúl Torres, Nerea García e Silvia Pérez.

Os membros da asociación apuntaron que está confirmada a presenza de catorce grupos procedentes de diferentes localidades galegas, sumando entre eles 330 participantes de todas as idades.

O evento principiará ás 16:30 horas coa concentración de todos os grupos na Praza do Concello. A continuación farase un pasarrúas pola Laracha ata a praza Les Sables d’Olonne.

A lectura do pregón será ás 17:30 h a cargos da coñecida regueifeira coristanquesa Lupe Blanco. De seguido, haberá un baile conxunto de todas as agrupacións ao son da Muiñeira de Berdoias. A primeira actuación individual será do grupo de pandeireteiras do Rivés e, por último, as pezas que realizarán a modo de exhibición cada un dos grupos participantes.

O alcalde felicitou aos membros da Asociación Cultural Santa María de Torás pola iniciativa e polo programa de actos pensado para o desfrute do público. Tamén animou á toda a cidadanía a acudir para gozar da música e das moitas sorpresas que desde a organización afirman que haberá durante toda a xornada.