• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Festa-Homenaxe aos nosos maiores celebrarase o sábado 11 de maio

20/04/2024

O Concello volve organizar unha nova edición da Festa Homenaxe aos nosos maiores, un evento tradicional na programación municipal en torno ao Día das Letras Galegas. Vaise celebrar o sábado 11 de maio e está dirixida a persoas empadroadas no termo municipal da Laracha maiores de 55 anos, xubiladas ou pensionistas.

Como en anteriores edicións, a Festa Homenaxe terá lugar no pavillón polideportivo do IES Agra de Leborís. Ás 13:15 h será a pertura de portas e desde as 13:45 h oficiarase unha misa. A continuación será o xantar e, despois, a tarde estará amenizada coa música en directo do Grupo Puzzle.

Para poder participar requírese de inscrición previa, que deberá formalizarse a partir do luns 29 de abril no Edificio Administrativo da Laracha. O custe por persoa é de 15 euros.

O Concello organiza cada ano este evento co propósito de facer unha homenaxe ao colectivo ao que vai dirixido, ao mesmo tempo que se lles ofrece unha alternativa de ocio e unha xornada festiva que poderán desfrutar en compañía de familiares, veciños e amigos, reforzando as relacións sociais entre as persoas maiores do municipio.