• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Aprobada con carácter definitivo a expropiación urbanística dos terreos afectados pola ampliación da estrada entre Santa Margarida e a DP-2404

03/04/2024

Na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse aprobar con carácter definitivo a expropiación urbanística para a obtención dos terreos afectados polo proxecto de ampliación da estrada da parroquia de Montemaior que comunica a vía provincial DP-2404 con Santa Margarita pasando polos núcleos A Baiuca, Goexe, O Sopé e Propeste.

O Concello investirá 62.600 euros na adquisición dun total de sesenta e cinco parcelas catastrais cualificadas no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) como solo rústico e solo de núcleo rural tradicional e que están afectadas por esta actuación de mellora da rede viaria.

Continuando cos trámites administrativos, o acordo de hoxe será notificado aos titulares dos bens, informándolles ademais de que os días 12, 13 e 14 de xuño serán as datas nas que se procederá ao pagamento e ao levantamento das actas previas á ocupación.

Dispoñer destes terreos é condición necesaria para poder levar a cabo o proxecto de mellora da citada estrada vertebradora das comunicacións en Montemaior, unha actuación valorada en 393.000 euros e xa contemplada nos orzamentos municipais deste ano. Afecta a unha distancia de 2.355 metros lineais nos que a plataforma da calzada será ampliada ata os dez metros de anchura. Ademais de renovar o pavimento e mellorar a rede de recollida de pluviais, serán instalados elementos de seguridade como biondas e sinalización horizontal e vertical.

Limpeza e conserxería de edificios, instalacións municipais e centros de ensino.

A Xunta de Goberno Local tamén clasificou, segundo a cualificación proposta pola Mesa de Contratación, as ofertas das empresas que concorreron ao procedemento de contratación dos servizos de limpeza e conserxería en centros escolares, edificios, dependencias e instalacións de titularidade municipal. É o trámite previo á adxudicación.

Co propósito de incrementar a competencia e facilitar a participación das pequenas e medianas empresas no procedemento, a contratación estruturouse en dous lotes, establecendo que un mesmo licitador só poderá resultar adxudicatario dun deles.

O orzamento total destes servizos por toda a duración dos contratos (dous anos prorrogables por outros dous máis) ascende a 1.730.000 euros que asumirá o Concello con fondos propios municipais.