Concello
O libro sobre as antigas telleiras da Laracha porá de manifesto a importancia que o Baixo Miño tivo nesa industria
09/03/2024
O libro As Telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño verá a luz a finais de setembro. Trátase dunha publicación que editará o Concello da Laracha e que está a ser redactada polo escritor, documentalista e historiador arteixán Xabier Maceiras.
A finalidade da iniciativa é homenaxear a esa industria de tanta importancia para o municipio desde hai máis dun século e que aínda se mantén na actualidade. E tamén recuperar a memoria tanto das antigas telleiras como dos seus propietarios e dos centos de persoas que traballaban nelas, tanto veciños da Laracha como procedentes doutros puntos da xeografía galega.
Nese sentido, a comarca pontevedresa do Baixo Miño tivo unha enorme importancia para as telleiras larachesas no século XX pola cantidade de persoas que acudiron a traballar nelas, xa que esa era outra zona relevante para a industria coa elaboración de tellas nos alí chamados cabaqueiros. De feito, no libro que se está a redactar hai referenciadas sesenta persoas do Baixo Miño, a maior parte delas veciños dos municipios do Rosal e A Guarda.
Organización do acto de presentación
A previsión do Concello da Laracha é poder realizar a presentación do libro a finais de setembro nun acto no que se porá de manifesto o peso histórico dos traballadores do Baixo Miño nas talleiras larachesas.
É por iso que o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Cultura, Patricia Bello, mantiveron unha reunión no Rosal coa alcaldesa dese municipio, Ánxela Fernández, e co rexedor da Guarda, Roberto Carrero, para explicarlles o proxecto e convidar a asistir ao acto a delegacións de cada concello formadas tanto por representantes institucionais como por telleiros, antigos traballadores do sector e familiares deles.
Os tres rexedores tamén analizaron a posibilidade de levar a cabo iniciativas de carácter oficial como un irmandamento que faga de conexión entre os tres Concellos e favorezan a posta en valor da historia das telleiras da Laracha e dos cabaqueiros do Baixo Miño.