• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello concorre a convocatorias de axudas da Xunta de Galicia para mellorar infraestruturas, equipamentos e servizos municipais

23/02/2024

Na última Xunta de Goberno Local acordouse que o Concello concorra ás dúas liñas de subvencións do Fondo de Compensación Ambiental convocadas pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

A través da liña de concorrencia competitiva preséntase un proxecto dirixido a ampliar a rede de saneamento na rúa Castelao de Paiosaco -que implicaría a instalación dun grupo de bombeo- para dar cobertura á totalidade das vivendas actuais e a posibles construcións futuras, e tamén na zona do Igrexario de Erboedo. O proxecto está valorado en 40.000 euros.

En canto á liña de concorrencia non competitiva solicítase financiar a adquisición de colectores verdes (fracción resto) para o establecemento de novos puntos de recollida de residuos sólidos urbanos.

Á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda preséntase un proxecto para a mellora do Sendeiro de Saldoiro ao abeiro da convocatoria de axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede Natura 2000. A actuación afectaría ao último tramo construído do paseo marítimo, desde o acceso principal á praia ata o arroio Figueirido. Consiste na restauración do firme nas zonas máis deterioradas, pero conservando as características construtivas e formais do sendeiro. O orzamento supera os 28.000 euros.

O Concello tamén concorre á convocatoria de subvencións da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para o equipamento das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais. Neste caso a intervención afectaría ao auditorio do centro sociocultural de Paiosaco, contemplándose a mellora na superficie do solo, substitución dos revestimentos de madeira, renovación dos aseos e a cuberta do acceso pola parte traseira do edificio.

Salientar, por último, que a Xunta de Goberno confirmou a inclusión do proxecto de mellora da estrada entre Vilarmaior (Erboedo) e Condesuso (Soandres) no Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas impulsado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural. A actuación afecta a unha lonxitude aproximada de 1.600 metros nos que se vai ampliar a plataforma da calzada ata os 5,5 metros, renovar a superficie de rodadura dos vehículos con aglomerado asfáltico en quente e mellorar a sinalización para aumentar a seguridade viaria.

Investiranse 127.000 euros -31.000 financiados polo Concello- nesta estrada que, ademais de favorecer o tránsito rodado nesa zona rural, tamén mellora as comunicacións entre Paiosaco e Vista Alegre é dá acceso pola AC-523 á A-6, ao aeroporto de Alvedro e á cidade da Coruña a través da Terceira Rolda.