Concello
O Concello ten proxectada a renovación das torres de iluminación dos campos de fútbol da Laracha e Paiosaco
16/02/2024
Continuando coa aposta do Concello polo desenvolvemento sostible con investimentos que melloren a eficiencia enerxética dos edificios e instalacións públicas, está proxectada a renovación das torres de luz dos campos de fútbol Municipal da Laracha e A Porta Santa de Paiosaco.
A intervención deseñada polo Concello pretende o dobre obxectivo de mellorar a iluminación dos terreos de xogo, pero ao mesmo tempo beneficiar ao medio ambiente. Isto lograrase mediante a substitución dos proxectores actuais por outros de tecnoloxía LED máis eficientes, a implantación dun novo sistema dixital para a xestión da iluminación que permita o acendido por sectores e a reorientación das lámpadas para un máis óptimo aproveitamento da luz que emiten.
O proxecto solucionará certos problemas na iluminación que se detectaron nos campos de fútbol e suporá un menor gasto enerxético, cun aforro medio estimado nun 30 %, o que implica tanto redución tanto na pegada de carbono como na factura do servizo enerxético que asume o Concello.
En cada unha das instalacións está previsto investir 66.000 euros, polo que entre ambos proxectos o orzamento alcanzará os 132.000 euros.