• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A MESA DE CONTRATACIÓN CLASIFICA AS OFERTAS PRESENTADAS PARA PRESTAR O SERVIZO DE ASESORAMENTO XURÍDICO DO CIM

13/02/2017

A Mesa de Contratación do Concello da Laracha reuniuse este mediodía co propósito de valorar e clasificar as once ofertas presentadas no procedemento aberto referido ao contrato para prestar o servizo de asesoramento xurídico do Centro de Información ás Mulleres (CIM).

O prego de cláusulas administrativas que rexe este concurso establece que o orzamento máximo de licitación ascende a 28.092,48 euros para os dous anos de duración do contrato (un ano prorrogable por outro máis), isto é, algo máis de 14.000 euros por cada exercicio. Á hora da valoración das propostas, tivéronse en conta as ofertas económicas, a ampliación das horas semanais durante as que se prestará o servizo e o desenvolvemento de cursos ou actividades sobre a temática obxecto do contrato fóra do horario laboral e sen supoñer custes para o Concello.

Trala valoración das ofertas por parte da Mesa de Contratación, nos próximos días adxudicarase a prestación deste servizo á que obtivo a puntuación máis alta entre todas as que concorreron a este procedemento aberto.

O asesoramento xurídico é un dos servizos principais que se ofrecen gratuitamente no CIM da Laracha, ademais da atención psicolóxica e a asistencial prioritaria para as vítimas da violencia de xénero, así como a outros colectivos en vulnerabilidade ou risco de exclusión social. O labor da adxudicataria do contrato abarca todos os tipos de consultas que en materia legal precisen solucionar as mulleres larachesas, centrándose principalmente en dereito familiar, laboral e de estranxeiría.

En definitiva, este procedemento de contratación permitirá que no Concello da Laracha continúe prestándose asesoramento xurídico permanente e de calidade aos usuarios do CIM, un dos principios de actuación que está a facer deste servizo municipal nos últimos anos un referente a nivel nacional e internacional.