• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A asociación Adro de Vilaño presenta ao alcalde os eventos que organizarán neste ano

12/02/2024

O alcalde, José Manuel López Varela, e a edil de Cultura e Festas, Patricia Bello, recibiron hoxe no Concello ao presidente da asociación Adro de Vilaño, Sergi Pena, e á secretaria, Tamara Rey, que avanzaron ao rexedor municipal as datas e contidos dos principais eventos que a entidade vai desenvolver ao longo deste ano.

A Carreira Popular do Apóstolo, consolidada como unha das citas deportivas de referencia do verán, celebrarase o sábado 13 de xullo pola tarde, recuperando o seu horario tradicional. Como en anteriores citas, será un percorrido de dez quilómetros con saída e meta na praza da Areosa de Vilaño.

Unha semana máis tarde, o sábado 20 de xullo, será a quenda para a nova edición do Vilaño Fest coa presenza de DJ’s galegos e nacionais de referencia que combinarán diferentes estilos.

En canto ás celebracións patronais en torno ao día de Santiago, Adro de Vilaño organizará catro xornadas de festas, do 24 ao 27 de xullo. O cartel anunciarase en próximas datas, pero os representantes da asociación xa lle adiantaron ao alcalde que estarán en Vilaño algunhas das máis destacadas orquestras da verbena galega.

Ademais, lembraron que o primeiro evento do ano 2024 da entidade xa está anunciado. O 23 de marzo pola noite, baixo a denominación Ultra Tomando 2.0, ofrecerase unha verbena cos DJ’s Rouss, David Bermúdez e Maqui.

O alcalde e a concelleira agradeceron o traballo da asociación Adro de Vilaño e mostráronlles ao seu presidente e secretaria a plena disposición do Concello para colaborar coa entidade na organización e desenvolvemento dos eventos.