Concello
O Concello licitará en 2024 seis proxectos relacionados coa mellora da eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas municipais
10/02/2024
O Concello está a traballar no desenvolvemento dun plan de renovación e transición enerxética que afecta tanto aos edificios administrativos municipais como a outras infraestruturas culturais, deportivas e sociais. Ao longo do actual ano 2024 prevese sacar a licitación seis proxectos que alcanzan un investimento total de 2,9 millóns de euros. Con estas intervencións procúrase o dobre obxectivo de mellorar e modernizar as instalacións ao tempo que se reducirá o gasto enerxético cunha forte aposta pola eficiencia que tamén contribuirá a minorar as emisións de CO2, facendo da Laracha un Concello máis sostible e respectuoso co medio ambiente de acordo aos compromisos adquiridos ao confirmar a adhesión ao Pacto das Alcaldías e tamén ás directrices establecidas na Axenda 2030.
Casa do Concello
A Casa do Concello será obxecto dun proxecto de rehabilitación integral que modernizará o edificio facéndoo máis operativo e eficiente no aspecto enerxético, estando actualmente en licitación o contrato da redacción do proxecto e dirección de obra. O orzamento inicial da completa actuación que se levará a cabo ascende a 1.250.000 euros, contándose para o seu financiamento cunha achega de máis de 700.000 euros procedentes dos fondos Next Generation da Unión Europea.
A sustentabilidade será un dos principios fundamentais do proxecto, contemplándose o illamento das envolventes do edificio, a instalación de sistemas de calefacción e de ventilación e o aproveitamento da luz natural que permitan reducións significativas de consumos enerxéticos.
Enerxía fotovoltaica
Co apoio económico da Xunta a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), o Concello levará a cabo o proxecto de instalación dun sistema de produción de enerxía fotovoltaica consiste na colocación de paneis cunha potencia total de 99 Kw sobre a cuberta do pavillón polideportivo Municipal da Laracha para abastecer varios edificios municipais na modalidade de autoconsumo colectivo con compensación de excedentes. As instalacións que se prevé abastecer son a Casa do Concello, o edificio de Servizos Múltiples, o Edificio Administrativo, a biblioteca da Laracha, a escola infantil ‘A Galiña Azul’ e a Casa da Cultura. Segundo os estudos realizados polo Concello, o autoconsumo con respecto ás cifras actuais sería do 56,7 %.
Ademais, tamén está presentado no Inega outro proxecto de similares características centrado en incrementar a capacidade de autoconsumo no complexo deportivo da piscina municipal da Laracha, neste caso coa previsión de alcanzar o 30 %.
Entre ambos proxectos o investimento total superará os 300.000 euros.
Reitoral de Montemaior
O Concello tamén promove o proxecto de rehabilitación integral da antiga casa reitoral da parroquia de Montemaior para transformar o histórico inmoble nun espazo multifuncional que funcione como punto de encontro para os veciños, albergue xuvenil e centro de referencia para o sector primario.
O investimento alcanzará os 713.000 euros, contemplándose actuacións de mellora da eficiencia enerxética na envolvente térmica do edificio que reduzan o consumo eléctrico e as emisións de CO2.
Centro sociocultural da Insua
O edificio de titularidade municipal multifuncional da Insua de Caión, que na actualidade alberga, nunha parte da instalación, o consultorio médico da vila e, na outra parte, actividade do tecido asociativo caionés, será obxecto dunha intervención dirixida a renovar a fachada e mellorar o seu illamento térmico. O orzamento ascende a 24.000 euros, que se suman aos 30.000 euros recentemente investidos nesa mesma instalación para aumentar o confort higrotérmico e a eficiencia enerxética coa renovación de ventás e portas.
Servizos múltiples
O Concello ten proxectada a rehabilitación enerxética do edificio de Servizos Múltiples, situado na céntrica Avenida López Astray da Laracha. O inmoble consta de soto, planta baixa e tres plantas, e actualmente alberga o centro social da terceira idade e a actividade do servizo municipal de atención temperá. Os tres obxectivos principais, complementarios entre si, céntranse na mellora da estética, da inclusión do edificio e da sustentabilidade coa renovación da envolvente térmica e das instalacións de climatización, e a colocación de xeradores de enerxía fotovoltaica. Implicaría a redución do consumo enerxético nun 83 %. O presuposto sitúase en torno aos 600.000 euros.