Concello
A Xunta de Goberno adxudica cinco proxectos de obra de mellora de infraestruturas municipais por máis de medio millón de euros
31/01/2024
Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe foron adxudicados cinco proxectos de mellora de infraestruturas de titularidade municipal que conxuntamente superan o medio millón de euros de investimento.
Unha desas actuacións consiste na renovación do céspede sintético do campo de fútbol Municipal da Laracha. Será cambiada a herba artificial no terreo de xogo e os seus espazos circundantes, sumando unha superficie total de 6.951 metros cadrados. O novo céspede cumprirá coas especificacións e normativas correspondentes para asegurar a máxima calidade conforme aos niveis que esixe a certificación FIFA Quality Pro. Colocarase sobre unha nova base plástica que presentará un máis óptimo comportamento deportivo para a práctica do fútbol.
Os outros catro proxectos céntranse na mellora da rede viaria noutras tantas parroquias. A actuación de maior entidade será en Golmar, na estrada que comunica O Igrexario con San Pantaión. O tramo obxecto desta intervención presenta unha lonxitude de 1.225 metros, nos que vai ser renovada a superficie de rodadura dos vehículos con aglomerado asfáltico en quente, acondicionados os sobreanchos a ambas marxes da calzada e perfiladas as cunetas para favorecer a drenaxe do terreo. Os traballos completaranse coa sinalización vertical e horizontal, contemplando o pintado das liñas dos bordes e do eixo da plataforma, así como dos símbolos necesarios segundo o código de circulación.
En Erboedo o proxecto afecta unha lonxitude aproximada dun quilómetro da estrada que comunica A Fontenla co límite con municipio veciño de Arteixo á altura do Loureiro. A actuación inclúe o acondicionamento do sobreancho no tramo máis estreito para ampliar a calzada. Ademais da pavimentación, acometerase a limpeza e perfilado das cunetas para facilitar a drenaxe e a sinalización horizontal e vertical.
En Lemaio mellorarase a vía entre A Fraga e O Pereiro dotándoa cun novo pavimento e incluíndo, tamén, a limpeza das cunetas e a sinalización.
E a actuación en Caión localízase no núcleo do Outeiro, onde vai ser mellorada a calzada ata o entronque coa estrada que dirixe a Baldaio (DP-1909), favorecendo tamén as comunicacións coa zona do santuario dos Milagres.
Noutra orde de asuntos, acordouse concorrer a dúas liñas de axudas da convocatoria da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia dirixidas á promoción da igualdade. Unha delas enmárcase no Plan Corresponsables e ten por fin reforzar o servizo municipal de axuda á conciliación que se presta a través do Programa Harmoniza. A outra liña é a referida ao apoio aos Centros de Información á Muller (CIM), solicitándose a cooperación para o financiamento dos gastos do persoal adscrito a dito departamento municipal.
Ademais, o Concello concorre á convocatoria de subvencións da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para mellorar as coleccións bibliográficas das bibliotecas municipais da Laracha, Paiosaco e Caión e para dotalas con novidades editoriais en galego.
Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións no Medio Rural
A Xunta de Goberno Local tamén acordou aprobar con carácter inicial o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións no Medio Rural impulsado en Montemaior pola Fundación Galicia Sustentable. O seu ámbito de aplicación abarca dúas parcelas catastrais de titularidade privada e unha superficie total de 45.038 metros cadrados, tomando como base de partida os terreos que compoñen a Finca Experimental, da propia promotora, emprazada no Igrexario desa parroquia.
O obxecto do Plan Especial é a ordenación detallada do ámbito e a concreción dos seus usos que permitan destinalo á implantación dunha dotación multifuncional dedicada á investigación e innovación para a protección e recuperación de espazos de valor ambiental. Os promotores pretenden facer deste lugar unha referencia para a prosperidade sostible do medio rural.
Nos próximos días o Plan Especial será publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG), momento no que se abrirá o período de información pública de dous meses.