• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

COMEZAN A EXECUTARSE OS PROXECTOS DE MELLORA DA REDE VIARIA INCLUÍDOS NO PLAN DE OBRAS E SERVIZOS

08/02/2017

Xa están en fase de execución os proxectos incluídos no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS), que consistirán na mellora da rede viaria en diferentes puntos do termo municipal da Laracha, afectando concretamente a 21 núcleos de poboación de sete parroquias diferentes.

As primeiras actuacións nas que se comezou a traballar sitúanse na parroquia de Golmar, afectando a estradas municipais situadas nos núcleos de San Cristovo, A Fonteseca, As Orxeiras, Folgueiros e A Pedra). A continuación levaranse a cabo as obras previstas en Cabovilaño (A Forxa, Nogán e Oldán), Caión (A Pedreira), Coiro (A Pedra, O Rapadoiro, A Ferrulleira, Merelle, As Meneiroas e O Alto), Erboedo (San Paio), Lemaio (A Estrada) e Montemaior (O Ramiscal, San Fins, Zanfoga e As Cernadas).

Nestas actuacións serán investidos máis de 180.000 euros, cofinanciados entre a Deputación da Coruña e o Concello da Laracha.

A rede viaria municipal supera os seiscentos quilómetros de estradas que comunican máis de trescentos núcleos de poboación. Por ese motivo para o goberno local da Laracha o seu mantemento en bo estado é unha cuestión prioritaria, financiándose esas actuacións con fondos propios municipais e tamén coa participación en convocatorias de programas doutras administracións.