• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O CIM DA LARACHA MÓSTRASE COMO REFERENTE NACIONAL NA LOITA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO ANTE ENTIDADES DE HUNGRÍA, ITALIA, REINO UNIDO E BULGARIA

09/02/2017

A Casa da Cultura da Laracha acolleu esta mañá o encontro entre o alcalde, José Manuel López Varela, e a directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha, Ana Aldao, cos trinta e dous participantes no seminario transnacional xuvenil ReAct to Protect: against domestic violence (Reacciona contra a violencia de xénero), do que forman parte municipios e entidades de España (Asociación Xuvenil Joy), Hungría (Tar Község Önkormányzata), Italia (Associazione Antares de Sicilia), Reino Unido (New International Company of Live Arts) e Bulgaria (Ladies’ Club Pavlikeni). 

Os organizadores desta xornada, en colaboración coa Xunta de Galicia, foron os representantes españois, a Asociación Xuvenil Joy de Ames, que propuxo a visita ao Concello da Laracha para coñecer a actividade que se desenvolve no CIM e que o levou a ser unha referencia a nivel estatal ao ser galardoado o ano pasado na IV edición dos Premios ás Boas Prácticas Locais convocados pola Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) e o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.

Ás 10:00 horas o alcalde deu a benvida aos participantes e mostrou o seu “orgullo porque entidades de catro países diferentes se interesen pola actividade do excelente servizo municipal que o Concello da Laracha ofrece a través do CIM”.

Despois de que os asistentes coñecesen o municipio grazas á proxección dun vídeo, Ana Aldao encargouse de facer un amplo repaso por todas as posibilidades que ofrece o CIM aos usuarios (atendendo as súas necesidades de xeito integral, individualizado e confidencial) e as actividades que desenvolve ao longo de todo o ano (obradoiros de prevención da violencia de xénero nos centros de ensino, mesas de coordinación cos profesionais de todos os sectores implicados, iniciativas para mulleres e os seus fillos, etc.). O programa municipal en torno ao 25 de novembro cobrou especial relevancia, finalizándose a exposición coa proxección do Videoclip pola igualdade que os alumnos dos colexios da Laracha, Paiosaco e Caión elaboraron e remataron durante a celebración da Festa da Igualdade realizada no Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.

O acto rematou cunha quenda de preguntas na que os participantes mostraron as súas inquedanzas e o interese por coñecer o traballo que no Concello da Laracha se desenvolve na procura de concienciar á poboación para rexeitar de pleno a violencia de xénero, denunciar posibles casos que poidan detectarse, mostrar tolerancia cero cos maltratadores e favorecer a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. 

O proxecto ReAct to Protect: against domestic violence ten por finalidade última favorecer a cooperación europea e o potencial das organizacións da sociedade civil no ámbito da xuventude a través de metodoloxías que fomenten a igualdade e a coeducación, animando a denunciar calquera caso de violencia de xénero que se detecte, sexa virtual, verbal, psicolóxico ou físico. Para iso están a coñecer as políticas locais, autonómicas e nacionais adoptadas polos gobernos dos diferentes países con respecto a esta materia.

No Concello da Laracha mostramos a nosa satisfacción por ter colaborado con este programa, agradecendo aos organizadores a posibilidade que ofreceu ao CIM da Laracha para dar a coñecer o seu labor o formar parte desta iniciativa.