Concello
En marcha as obras de construción da nova pista polideportiva de Paiosaco
11/01/2024
O alcalde, José Manuel López Varela, xunto aos concelleiros de Obras, Pablo Cambón, e de Deportes, Patricia Bello, supervisaron hoxe o inicio das obras de construción da nova pista polideportiva descuberta e de uso libre que se está a construír en Paiosaco. A situación deste equipamento deportivo será estratéxica, a carón do CEIP Alfredo Brañas, fronte ao campo de fútbol A Porta Santa e preto do centro sociocultural da vila.
Os primeiros traballos consisten no acondicionamento e nivelación do terreo sobre o que se levantará a pista, ocupando só unha parte da parcela adquirida polo Concello xunto ao colexio para crear novos equipamentos públicos.
A actuación suporá un investimento de máis de 156.000 euros a financiar integramente con fondos municipais. A pista terá unhas medidas interiores de 46x32 metros, contará cun pavimento deportivo, terá marcados os campos de xogo para diferentes disciplinas (fútbol sala, baloncesto e balonmán) e disporá tanto de peche perimetral cun valado de catro metros de altura como de iluminación en báculos que permitirá o seu uso a calquera hora do día.
Para unha axeitada integración no entorno, tamén se realizarán as actuacións oportunas para favorecer a recollida de pluviais e a adecuación dos accesos desde a estrada por medio dunha beirarrúa que, ademais, comunicará a pista co colexio. De feito, o equipamento abrirá novas oportunidades para o centro educativo durante o horario lectivo.
Esta será a primeira pista polideportiva destas características que o Concello habilitará na vila de Paiosaco. O propósito esencial é ofrecer novas posibilidades para o aproveitamento do tempo libre, especialmente entre a mocidade, potenciando nese grupo de idade a práctica da actividade deportiva e, por tanto, os estilos de vida saudables.