• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O concurso de panxoliñas “María Angeriz Tuset” celebrarase o sábado ás 18:00 horas na casa da cultura

28/12/2023

A Casa da Cultura da Laracha acollerá o sábado a partir das 18:00 horas unha nova edición do concurso de panxoliñas “María Angeriz Tuset”.

O certame é organizado cada ano polo Concello, convidando a participar nel ás asociacións culturais e coros parroquiais do municipio. Faise no marco do programa municipal de Nadal cos obxectivos fundamentais de fomentar o espírito destas datas e apoiar economicamente ás entidades participantes.

Nesta ocasión haberá sete grupos: a Asociación Cultural Arume de Caión, o Coro Xuvenil Santa María de Torás, o Coro de Vilaño, a Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco, o Coro As Salseiras de Caión e dous grupos da Asociación Cultural Santa María de Torás.

A dinámica do concurso consistirá na interpretación dunha única panxoliña por parte de cada participante. Durante a deliberación do xurado a espera será amenizada coa actuación do malabarista e equilibrista músico Simplemente Enricco.

Polo feito de participar, cada grupo ten garantida unha gratificación de 200 euros, á que se engadirá o galardón que acorde outorgar o xurado estando establecidas catro categorías de premios dotadas con 300, 250, 200 e 175 euros respectivamente. Por tanto, prevese repartir en total en torno a 3.000 euros en premios.

A entrada á Casa da Cultura para asistir ao concurso como público é libre e gratuíta.