Concello
Aprobado o proxecto de expropiación do conxunto arquitectónico das Torres de Cillobre
25/12/2023
Na última sesión da Xunta de Goberno Local acordouse aprobar con carácter inicial o proxecto de expropiación de todos os terreos vinculados ao conxunto arquitectónico das Torres de Cillobre, os restos da fortaleza datada no século XIV e que precisamente dan nome ao núcleo no que se sitúan, moi preto do casco urbano da Laracha.
As Torres de Cillobre conforman un dos símbolos do Concello ao aparecer representadas no escudo municipal, o que pon de manifesto a súa relevancia histórica en especial durante a época feudal, na que pertenceron a familias nobres. A día de hoxe aínda se conserva unha parte do muro perimetral e a vivenda da torre.
O proxecto de expropiación inclúe catro parcelas catastrais que suman unha superficie total de 2.655 metros cadrados. O investimento alcanzará os 54.000 euros, que o Concello asumirá integramente con fondos municipais.
A adquisición deste destacado elemento histórico é unha antiga aspiración do goberno local, que xa incluíra as Torres de Cillobre no Plan Especial de Patrimonio Cultural co obxectivo de garantir a súa máxima protección. Unha vez completada a expropiación e sexan un ben de titularidade pública, as Torres de Cillobre poderán ser obxecto de proxectos e iniciativas para a súa restauración e posta en valor.
Así, o Concello continua apostando por recuperar o patrimonio histórico municipal, do mesmo xeito que se está a facer co Castro de Montes Claros e co menhir de Erboedo, que desde hai anos xa son de titularidade pública.
Prórroga contrato Servizo de Axuda no Fogar
Na Xunta de Goberno Local tamén se acordou prorrogar o contrato do servizo de axuda no fogar por un período de un ano á adxudicataria Siad 24 Galicia S.L. nos mesmos termos dos tres últimos anos, o que foi comunicado á empresa, que manifestou expresamente a súa conformidade.
O Concello destinou o último ano en torno a 1,1 millóns de euros ao financiamento do servizo de axuda no fogar.

