Deportes
O RALLYE A CORUÑA, QUE SE DISPUTARÁ O SÁBADO, PASARÁ POLO CONCELLO DA LARACHA
09/02/2017
A vixésimo primeira edición do Rallye A Coruña disputarase durante a tarde deste sábado, contándose con oitenta participantes inscritos. Trátase dunha competición de referencia autonómica ao ser puntuable para o Campionato Galego de Rallyes.
O tramo C, que será o terceiro cronometrado, discorrerá, en parte, polo Concello da Laracha, concretamente pola estrada municipal que comunica Boedo (Culleredo) co núcleo larachés de Vista Alegre (parroquia de Soandres) e ata o cruce coa DP-1913 nas inmediacións da canteira (preto, tamén, do núcleo de Santa Baia).
A distancia total do tramo cronometrado é de 9.470 metros, dos cales preto de un quilómetro e medio pertencen a territorio larachés. Ao longo da xornada os participantes pasarán dous veces por este lugar, estando programada a saída do primeiro coche ás 17:00 e ás 19:45 horas.
Por tanto, e por razóns de seguridade, as citadas estradas permanecerán cortadas ao tráfico desde as 16:00 horas e, como mínimo, ata as 21:00 horas. Ao longo de toda a xornada a Policía Local da Laracha e a Agrupación de Voluntarios de Protección de Civil da Laracha estarán na zona para cooperar no desenvolvemento do evento.
O Racing Team One Seven organiza esta proba que conta coa colaboración do Concello da Laracha, a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Automobilismo.
Máis información sobre o 21º Rallye da Coruña en www.rallyeacoruna.com.