• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello sinaliza o sendeiro "As pegadas do río Bradoso" na procura da súa homologación oficial pola Federación Galega de Montañismo

02/12/2023

No termo municipal da Laracha existen moitos espazos naturais ideais para a práctica do sendeirismo. Un deles é a ruta As pegadas do río Bradoso, na parroquia de Montemaior.

Co obxectivo de crear nese sendeiro unha infraestrutura integrada na contorna que aproveite os seus elementos patrimoniais máis destacados para potencialos e poñelos en valor como recursos turísticos, o Concello está a levar a cabo un amplo proxecto de sinalización. O alcalde, José Manuel López Varela, cos edís Pablo Cambón e Rocío López e o técnico municipal de Deportes, supervisaron xunto ao representante da empresa adxudicataria os traballos que se están a executar.

A ruta obxecto da intervención é un percorrido circular de 5,74 km de distancia total máis unha variante de 0,55 km, cun ascenso acumulado de 153 metros e un desnivel de 199 metros. Comeza xunto ao centro sociocultural de Cumiáns, a escasos metros do camiño polo que se descende ao río, e destaca pola variedade de especies de flora de bosque de ribeira autóctono e a riqueza etnográfica que presenta ao concentrarse neste tramo os restos de nove dos dezaseis muíños de auga que existen no Bradoso ao seu paso polo termo municipal da Laracha, sendo os máis destacados os do Gallardo, Baldomir e O Lorteiro.

Para a adecuada sinalización do sendeiro, colocouse un panel informativo en soporte natural no punto de inicio e fin, e están a ser instalados unha trintena de postes baixos e frechas indicadoras ao longo de todo o percorrido.

Unha vez completados estes traballos, o Concello solicitará a homologación oficial do sendeiro As pegadas do río Bradoso á Federación Galega de Montañismo, fixando nun 2 o nivel de dificultade segundo o sistema da Federación Española de Deportes de Montaña y Escalada (FEDME) e cun tempo total estimado para completar a ruta de 1 hora e 55 minutos.

A actuación, ademais de poñer en valor os recursos naturais e patrimoniais e diversificar a oferta turística do municipio, tamén facilitará aos laracheses a práctica da actividade física e incentivará o coñecemento do entorno e dos muíños como elementos de alto valor histórico e patrimonial.