• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

OS ALUMNOS DE INFANTIL DO CEIP OTERO PEDRAYO RETOMARÁN AS CLASES MAÑÁ E OS DE PRIMARIA, O MÉRCORES

06/02/2017

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, o Concello da Laracha e a dirección do CEIP Ramón Otero Pedrayo acordaron que mañá martes os alumnos de infantil deste colexio retomarán as clases e que os de primaria regresarán ás aulas previsiblemente o mércores.

A unidade técnica da Consellería, o xefe territorial de Educación –Indalecio Cabana-, o alcalde do Concello da Laracha –José Manuel López Varela-, o tenente alcalde –José Ramón Martínez Barbeito- e a concelleira de Ensino –Patricia Bello- visitaron hoxe as instalacións, xunto aos membros do equipo directivo do colexio, para coñecer o volume dos danos que o temporal provocou na cuberta do edificio de primaria. Tamén comprobaron que ningunha outra instalación do centro estivese afectada.

Ao longo da mañá de hoxe as cuadrillas municipais realizaron a completa limpeza dos restos do lucernario que caeran na zona do patio, retirando todos os cristais e o material metálico para posibilitar o acceso e uso das instalacións con garantía de seguridade para os alumnos de infantil xa a partir de mañá martes.

Ademais, os operarios enviados pola Consellería de Educación xa comezaron a desenvolver as obras de urxencia no edificio de primaria para reparar a cuberta. Estas actuacións requirirán dunha xornada máis do inicialmente previsto para completarse, motivo polo cal se decidiu retrasar a volta ás clases para ese grupo de idade, fixándoa para o mércores.

Tamén o mércores se agarda retomar todas as actividades extraescolares que se desenvolven no recinto do CEIP Otero Pedrayo da Laracha.