Concello
Adxudicadas as axudas municipais á escolarización por un importe de 75.000 euros
02/11/2023
Na sesión da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse adxudicar as axudas municipais á escolarización a proposta da Comisión de Valoración, que durante as últimas semanas avaliou e cualificou a totalidade das solicitudes presentadas.
A lista de bolseiros está dispoñible para a súa consulta aquí e tamén podes descargar o documento para xustificar a axuda. O prazo para facelo remata o 30 de novembro.
A convocatoria deste ano está dotada cun total 75.000 euros que o Concello destina a cooperar cos 382 beneficiarios e as súas familias ante os gastos que implica o inicio do curso escolar.
A contía das axudas é de 165 euros (80 becas) para os beneficiarios das bolsas de estudos que sexan estudantes de educación infantil, 150 euros (204 becas) para os de educación primaria, secundaria obrigatoria e programas de garantía social, 225 euros (40 becas) para os estudantes de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior, 350 euros (20 becas) para aqueles alumnos que presenten necesidades educativas especiais e 400 euros (38 becas) para os que cursen estudos universitarios (grao medio, superior e máster). Cabe lembrar que estas axudas municipais son compatibles con calquera convocatoria de bolsas de estudos realizada por outra administración ou institución.
Na Xunta de Goberno Local tamén se acordou presentar ao Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para o seu cofinanciamento un novo proxecto dirixido a incrementar a capacidade de autoconsumo eléctrico nas instalacións de titularidade municipal. O Concello pretende dotar ao complexo deportivo da piscina da Laracha -aproveitando as obras de mellora da edificación que están actualmente en fase de execución- cun sistema de produción de enerxía fotovoltaica dunha potencia total de 79 Kw.
O investimento previsto superaría os 100.000 euros, cos que se alcanzaría un autoconsumo do 30 % do gasto enerxético actual nesa infraestrutura e evitaríase a emisión de 31 toneladas de CO2 cada ano.
Este proxecto presenta unhas características moi similares a outro promovido polo Concello e aprobado recentemente polo Inega que consiste na instalación de paneis solares na cuberta do pavillón Municipal da Laracha que abastecerán á Casa do Concello, edificio de Servizos Múltiples, Edificio Administrativo, biblioteca da Laracha, escola infantil ‘A Galiña Azul’ e Casa da Cultura.