Deportes
O I Slálom ‘Concello da Laracha’ celebrarase este sábado
31/10/2023
A Laracha volverá ser referencia no calendario galego de automobilismo ao acoller unha proba de motor. Será este sábado coa celebración da primeira edición do Slálom ‘Concello da Laracha’, penúltima do total de nove citas puntuables para o campionato galego 2023 e na que podería decidirse o título da categoría Xeral.
O evento foi presentado hoxe na Praza do Concello polo alcalde, José Manuel López Varela; os edís Patricia Bello e Pablo Cambón; o presidente da escudaría organizadora -Arteixo Motorsport-, Diego Ponte, acompañado polo colaborador Daniel Remuiñán; e coa presenza de varios participantes -os laracheses Carlos Santos, Adrián Piñeiro e Marta Loureiro, ademais de Óscar Martínez e David Rodríguez- e tres vehículos de competición.
O Slálom é unha proba automobilística na que os participantes demostran a súa pericia e habilidade ao volante evadindo obstáculos artificiais como conos ou portas. Ao comportar constantes cambios de dirección, nesta disciplina priman as competencias dos condutores no control do vehículo sobre a potencia, xa que a velocidade é menor que noutro tipo de probas.
O I Slálom ‘Concello da Laracha’ deste sábado farase nun circuíto de aproximadamente dous quilómetros de lonxitude con máis de un centenar de obstáculos que se habilitará na parte norte do parque empresarial.
Hai inscritos cincuenta e cinco participantes entre todas as categorías (Xeral, Clases 1, 2 e 3, Feminina, Debutantes e Iniciación).
O inicio da proba, cos adestramentos libres, será ás 10:00 horas. Desde a organización anímase a asistir como público, lembrando a importancia de atender as indicacións dos comisarios e respectar os espazos valados para desfrutar do evento con plena garantía de seguridade.
José Manuel López Varela mostrou a súa “satisfacción” por acoller no municipio esta proba, agradecendo á organización ter escollido A Laracha para celebrala.
Diego Ponte tamén mostrou o seu agradecemento ao Concello “por brindarnos todo o seu apoio e axuda” para organizar o campionato “dunha modalidade nova que nunca se fixo por esta zona”.