Concello
O CONCELLO PRESENTA O NOVO PORTAL MUNICIPAL DE EMPREGO, PIONEIRO NA COMARCA
02/02/2017
O rexedor municipal explicou que o Concello da Laracha “pon en marcha esta nova plataforma co propósito de dar un paso importante para axudar a mellorar a situación dos veciños que buscan un posto de traballo” e tamén “ofrecer unha ferramenta para que as empresas poidan publicitar tanto as súas ofertas de emprego como os servizos que desenvolven”. López Varela resaltou que “desde o Concello continuaremos dando todos os pasos que permitan as competencias municipais nesta materia para axudar aos laracheses a acceder ao mercado laboral”. Tamén lembrou que a Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local está a disposición da cidadanía para asesoralos en calquera cuestión de temática laboral, incluíndo as posibilidades que ofrece o novo portal presentado hoxe.
Eduardo Méndez apuntou que “estamos ante unha ferramenta pioneira na comarca que permitirá a creación dun punto de encontro entre os veciños da Laracha e as ofertas de traballo”. Trátase dun “portal innovador que axudará á administración e aos empresarios locais e apostar pola súa transformación tecnolóxica” e ofrecerá “información e novos servizos de interese para os usuarios particulares”.
O novo portal de emprego municipal conta con versións en galego e castelán. Polo seu deseño responsive adaptativo, é accesible desde calquera dispositivo (ordenador, tablet, smartphone, etc.).
O Concello da Laracha desenvolverá nos próximos días unha campaña informativa para dar a coñecer a plataforma e as posibilidades que ofrece a todo o tecido empresarial local.