• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A xornada micolóxica “As setas da Laracha” alcanza a décima edición

13/10/2023

No inicio de cada outono o Concello organiza a xornada As setas da Laracha para iniciar aos participantes na micoloxía e animalos a coñecer moitos dos tipos e variedades de setas, fungos e cogomelos que se dan na Laracha nesta época. Este ano o evento celebrarase o sábado 28 de outubro e alcanzará a décima edición, o que pon de manifesto o interese que esperta entre a veciñanza larachesa e tamén en persoas doutros municipios próximos.

Do mesmo xeito que en anteriores ocasións, o evento principiará ás 10:00 horas coa reunión das persoas participantes na área recreativa de Gabenlle. A continuación realizarase unha saída guiada ao monte para proceder á recollida dos cogomelos. Ás 12:30 h regresarase á área recreativa para realizar un obradoiro de identificación e clasificación dos diferentes tipos de setas empregando os exemplares recollidos polas persoas participantes. Farase da man de Raquel Poncini e de Pablo Cuadrado.

O prazo de inscrición en As setas da Laracha xa está aberto. Apuntarse é gratuíto e pode facerse en liña cubrindo este FORMULARIO, ou tamén acudindo ou chamando ao Concello. A proposta vai dirixida a todos os públicos.